martes, 30 de junio de 2015

Presentación do Proxecto no fin de curso!

Para rematar o curso, toda a comunidade educativa desfrutou da presentación que recolle o traballo desenvolvido ao longo do curso.

Vémonos en setembro!!


martes, 23 de junio de 2015

Piratas e mariñeir@s!

Ao longo de todo o curso, as nenas e nenos de Infantil podemos desfrutar e aprender coa vida pirata e mariñeira... Tomando como referencia o proxecto "Os piratas" fixemos unha viaxe paralela... Como era a vida pirata? Como é a vida mariñeira?

Comezamos coa lectura do conto "A gaivota e o faro", de Edicións Seteleguas e a aventura levounos a rematar no fin de curso no Faro Vilán, con Cristina, a fareira e o pirata Ambrosio, a secas, que estaba de visita, xusto o día no que nós fixemos a nosa particular viaxe por Camariñas...

Os contos, os mapas, os oceanos e mares, os barcos e artes de pesca, as cunchas e peixes como tesouros mariñeiros... Os piratas teñen cofres e nós fixemos o noso para poder gardar cunchas recollidas nas praias da contorna: Lago, Reira, Xaviña... Grandes tesouros os espazos que nos rodean!
Coñecemos algunha historia de barcos familiares e tamén da man de dúas nais, unha mariscadora e a outra traballadora na confraría, coñecemos máis polo miúdo a vida das percebeiras e mariñeiros que viven, ás veces, experiencias mariñeiras semellantes ás que viviron Barba Roxa, Barba Negra ou Mary Read


A viaxe pirata e mariñeir@ en fotos...



De roteiro... Cos pés na vida do mar!

Despois de todo o aprendido na escola, comezamos a camiñar cos pés na realidade.
Unha primeira parada no Ariño, lugar de marisqueo na ría de Camariñas...
Unha segunda parada no porto... As nasas, os barcos, a confraría...
Unha última parada... No Faro Vilán para coñecer a historia do mesmo e mesmo atoparnos cos temidos piratas dos que tanto tiámos falado ao longo do curso! Desta volta non era nin Barba Negra nin Mary Read... Atopámonos co pirata Ambrosio A Secas e co mapa na man atopamos o tesouro do Faro Vilán!!

Camiñamos no territorio: de roteiro por Camariñas!

As nenas e nenos, acompañad@s das mestras e mestres, fixemos unha ruta de sendeirismo dende a carretera de Mourín ata o Cemiterio dos Ingleses. Coñecemos as peculiaridades de Vilán de Fóra e das aves que alí aniñan (Arao dos Cons e a Gaivota Tridáctila), da Rede Natura, do Foxo dos lobos e a importancia que no pasado tivo na economía gandeira da zona, das pedras antropormorfas traballadas polo mar e o vento, os Illotes das Baleas e a importancia da caza de baleas en Camariñas no pasado, así como a historia e presente dos naufraxios na nosa costa.

A paisaxe é un elemento fundamental para o benestar individual e colectivo. A partir dela podemos entender gran parte da historia  e das condicións económicas dunha sociedade e por iso con esta saída pretendemos que o medio natural e a paisaxe do noso territorio sexan o marco para unha clase de historia e coñecemento do medio.


Para acadar este obxectivo, acompañounos Berni, unha persoa coñecedora da paisaxe e do patrimonio do noso territorio. Isto axudounos a facernos máis conscientes das peculiaridades de Camariñas e da importancia do coidado e respecto do lugar onde vivimos.

Só podemos desenvolver estas actividades coa implicación de toda a comunidade educativa e, desta volta, o Concello e a ANPA fixeron posible compartir un par de marabillosos días de roteiro na costa de Camariñas.

Desfrutemos das primaverais imaxes...