martes, 30 de junio de 2015

Presentación do Proxecto no fin de curso!

Para rematar o curso, toda a comunidade educativa desfrutou da presentación que recolle o traballo desenvolvido ao longo do curso.

Vémonos en setembro!!


martes, 23 de junio de 2015

Piratas e mariñeir@s!

Ao longo de todo o curso, as nenas e nenos de Infantil podemos desfrutar e aprender coa vida pirata e mariñeira... Tomando como referencia o proxecto "Os piratas" fixemos unha viaxe paralela... Como era a vida pirata? Como é a vida mariñeira?

Comezamos coa lectura do conto "A gaivota e o faro", de Edicións Seteleguas e a aventura levounos a rematar no fin de curso no Faro Vilán, con Cristina, a fareira e o pirata Ambrosio, a secas, que estaba de visita, xusto o día no que nós fixemos a nosa particular viaxe por Camariñas...

Os contos, os mapas, os oceanos e mares, os barcos e artes de pesca, as cunchas e peixes como tesouros mariñeiros... Os piratas teñen cofres e nós fixemos o noso para poder gardar cunchas recollidas nas praias da contorna: Lago, Reira, Xaviña... Grandes tesouros os espazos que nos rodean!
Coñecemos algunha historia de barcos familiares e tamén da man de dúas nais, unha mariscadora e a outra traballadora na confraría, coñecemos máis polo miúdo a vida das percebeiras e mariñeiros que viven, ás veces, experiencias mariñeiras semellantes ás que viviron Barba Roxa, Barba Negra ou Mary Read


A viaxe pirata e mariñeir@ en fotos...



De roteiro... Cos pés na vida do mar!

Despois de todo o aprendido na escola, comezamos a camiñar cos pés na realidade.
Unha primeira parada no Ariño, lugar de marisqueo na ría de Camariñas...
Unha segunda parada no porto... As nasas, os barcos, a confraría...
Unha última parada... No Faro Vilán para coñecer a historia do mesmo e mesmo atoparnos cos temidos piratas dos que tanto tiámos falado ao longo do curso! Desta volta non era nin Barba Negra nin Mary Read... Atopámonos co pirata Ambrosio A Secas e co mapa na man atopamos o tesouro do Faro Vilán!!

Camiñamos no territorio: de roteiro por Camariñas!

As nenas e nenos, acompañad@s das mestras e mestres, fixemos unha ruta de sendeirismo dende a carretera de Mourín ata o Cemiterio dos Ingleses. Coñecemos as peculiaridades de Vilán de Fóra e das aves que alí aniñan (Arao dos Cons e a Gaivota Tridáctila), da Rede Natura, do Foxo dos lobos e a importancia que no pasado tivo na economía gandeira da zona, das pedras antropormorfas traballadas polo mar e o vento, os Illotes das Baleas e a importancia da caza de baleas en Camariñas no pasado, así como a historia e presente dos naufraxios na nosa costa.

A paisaxe é un elemento fundamental para o benestar individual e colectivo. A partir dela podemos entender gran parte da historia  e das condicións económicas dunha sociedade e por iso con esta saída pretendemos que o medio natural e a paisaxe do noso territorio sexan o marco para unha clase de historia e coñecemento do medio.


Para acadar este obxectivo, acompañounos Berni, unha persoa coñecedora da paisaxe e do patrimonio do noso territorio. Isto axudounos a facernos máis conscientes das peculiaridades de Camariñas e da importancia do coidado e respecto do lugar onde vivimos.

Só podemos desenvolver estas actividades coa implicación de toda a comunidade educativa e, desta volta, o Concello e a ANPA fixeron posible compartir un par de marabillosos días de roteiro na costa de Camariñas.

Desfrutemos das primaverais imaxes...


martes, 19 de mayo de 2015

DIA DAS LETRAS GALEGAS; Construíndo a paisaxe. Entre a palabra e a mirada…

Celebramos o Día das Letras Galegas axudándonos da mirada e as palabras sobre a contorna máis próxima… 

Construíndo entre tod@s a paisaxe de Camariñas…

A mirada das nenas e nenos de Infantil achegouse ás palabras que, en galego, lles dan nome aos peixes que habitan o mar que baña a nosa costa…

Boi, buguina, xurelo, rodaballo, polbo, raia, dourada, sardiña, xarda, percebe, lura…


Máis maiores e máis observador@s! Aquí vai o traballo de segundo ciclo. Elas e eles miraron pola ventá do seu cuarto, observaron de camiño á escola ou mentras camiñaron polo monte ou polas praias e atopáronse coa gaivota, o arroaz, a bolboreta, a caramiña, a chorima, a figueira, a silva


A paisaxe tamén son sensacións, percepcións… Non é o mesmo  unha paisaxe con brétema que cando sintes os refachos de vento na túa cara. Tampouco cando sopra o nordés ou hai temporal sentimos o mesmo que cando o día está sollío… 
A toponimia e a microtoponimia chega da man do grupo de 5º. Descubrimos que algúns nomes teñen moito que ver coa historia do territorio que ocupamos… Ariña Branca, Casa do Alemán, O Curro, Pedra da Aguia, Ponte do Porto…

Da man do grupo de 6º veñen as palabras que lle dan nome aos oficios desenvolvidos polas persoas que habitan o noso territorio…

Fareira, percebeira, mariñeiro, mariscadora, palilleira






Cabazos nas aldeas: as pedras que falan...

Unha ollada á arquitectura popular lévanos ata os cabazos que atopamos nas aldeas.
Danos por pensar que as pedras falan... Imos ver se aprendemos algo delas!

O edificio que alberga á Fundación Luis Seoane, sérvenos como excusa para estudar unha moi importante construción no noso Territorio: os horreos.


As nenas e nenos, xunto coas súas familias, son as investigadoras que nos achegan a historia desta tradicional construción galega que tanta importancia social, económica e cultural tivo nas aldeas e parroquias de Camariñas.

Imos aló!


FORMACIÓN ENRE IGUAIS: APROVEITAMENTO DIDÁCTICO DA EXCURSIÓN A CIDADE DE A CORUÑA


Non todas e todos tivemos a oportunidade de visitar, da man do Proxecto Terra, a cidade de A Coruña e por iso as nenas e nenos que si o fixeron serán as que amosen, coa súa mirada, ao resto dos grupos o Barrio das Flores, o MUCYT, a Fundación Luis Seoane, a zona histórica e do porto, o Museo de Belas Artes e os Xardíns de San Carlos.

O territorio e a paisaxe dende unha ollada diferente: coñecendo a historia e a importancia das prácticas que o ser humano desenvolve na terra e o territorio.


Aquí podedes ver algunha imaxe do día...




jueves, 16 de abril de 2015

PROXECTO TERRA: ARQUITECTURA E CIDADE VISITA Á CIDADE DA CORUÑA

O día 7 de abril coñecemos a cidade da Coruña a través dunha mirada diferente… Contemplando a paisaxe a través da arquitectura comprendemos como se organiza o espazo que habitamos. Neste caso, o espazo na cidade.

O Barrio das Flores, coas súas zonas verdes… O MUNCYT: que nos fala da importancia de coñecer e poñer a ciencia e a tecnoloxía ao servizo das persoas… A Fundación Luis Seoane, cuxo edificio representa a construcións dos horreos que pola nosa zona son tan numerosos e teñen tanta importancia… Ou… A visita ao Museo de Belas Artes onde coñecemos o traballo de Picasso ou de El Greco. Todo isto e máis foi o que vivenciamos neste día e agora, tócavos a vós!

Que foi o que máis che impactou? O que resulto chamativo por novidoso? Onde te sentiches mellor? Que aprendiches da cidade da Coruña que non coñecías?

Todas estas preguntas e máis son as que che poden permitir escribir un relato de, aproximadamente, unha páxina, sobre o día que compartimos coas persoas que fixeron de guías para  nós.

Coas vosas impresións organizaremos unha xornada onde as nenas e nenos de 2º ciclo poderán coñecer a cidade da vosa man baixo unha mirada diferente… A da arquitectura e a organización do espazo que habitamos.

Agora o traballo esta nas mans da nenas e nenos de 3º ciclo, e nos próximos días poderemos coñecer as súas impresións sobre a viaxe.