jueves, 16 de abril de 2015

PROXECTO TERRA: ARQUITECTURA E CIDADE VISITA Á CIDADE DA CORUÑA

O día 7 de abril coñecemos a cidade da Coruña a través dunha mirada diferente… Contemplando a paisaxe a través da arquitectura comprendemos como se organiza o espazo que habitamos. Neste caso, o espazo na cidade.

O Barrio das Flores, coas súas zonas verdes… O MUNCYT: que nos fala da importancia de coñecer e poñer a ciencia e a tecnoloxía ao servizo das persoas… A Fundación Luis Seoane, cuxo edificio representa a construcións dos horreos que pola nosa zona son tan numerosos e teñen tanta importancia… Ou… A visita ao Museo de Belas Artes onde coñecemos o traballo de Picasso ou de El Greco. Todo isto e máis foi o que vivenciamos neste día e agora, tócavos a vós!

Que foi o que máis che impactou? O que resulto chamativo por novidoso? Onde te sentiches mellor? Que aprendiches da cidade da Coruña que non coñecías?

Todas estas preguntas e máis son as que che poden permitir escribir un relato de, aproximadamente, unha páxina, sobre o día que compartimos coas persoas que fixeron de guías para  nós.

Coas vosas impresións organizaremos unha xornada onde as nenas e nenos de 2º ciclo poderán coñecer a cidade da vosa man baixo unha mirada diferente… A da arquitectura e a organización do espazo que habitamos.

Agora o traballo esta nas mans da nenas e nenos de 3º ciclo, e nos próximos días poderemos coñecer as súas impresións sobre a viaxe.




O ENTROIDO CHEGA A NOSA ESCOLA!

Tamén nesta celebración nos acompañaron personaxes e tradicións da nosa contorna máis próxima. Aquí vos deixamos algunhas fotos do concurso de sobremesas e aos máis pequenos vestidos de piratas!





martes, 14 de abril de 2015

A Costa da Morte no mapa.


Co obxectivo de facernos conscientes do lugar onde vivimos, e coñecer como a poboación se organiza no noso territorio, enlazamos a celebración do magosto e o samaín coa elaboración de mapas…  Nesta actividade participamos de novo toda a escola!!
Comarca, concello, parroquia ou aldea son lugares que habitamos e construímos co noso facer cotiá.
Comezamos coa axuda do material elaborado polo Colexio Galego de Arquitectos para o Proxecto Terra, que nos guía na descuberta  do territorio no que vivimos. Axúdanos a ser conscientes da nosa responsabilidade no coidado do lugar no que vivimos e da importancia do seu coñecemento e, por que non, do seu recoñecemento…


Entre todas fixemos unha descuberta do territorio a través do que avoas e avós nos contaron sobre o uso das cabazas e a localización de castiñeiros  na contorna próxima.
Comarcas…
Terra de Soneira, Xallas, Fisterra e Muros, son as comarcas da Costa da Morte que localizamos no mapa. Os dous grandes faros… Vilán e Fisterra, que se atopan en dous dos cabos máis coñecidos de Galicia.


    
Pasando polos faros, chegamos ao concello de Camariñas e ás súas parroquias: Camelle, Xaviña, Camariñas e Ponte do Porto.
E aquí, nas parroquias, onde as aldeas nas que viven a maioría dos nenos e nenas da escola se localizan.
Xaviña…
Naiara e Ana contan que a súa avoa cultivaba a cabaza para alimentar a familia e, coas que sobraban, alimentar aos animais que logon servirían de alimento.

O Allo…
Pablo conta que a cabaza plántase nun sitio húmido e abonado. Aos tres meses pode recollerse. Despois gárdase nun sitio seco e consérvase un ano.
Miriam localizou as cachas do castiñeiro moi preto do Allo…
Arou…
Sara conta que labregas e labrego, porque esta tamén é unha zona onde a terra se traballa, empregaban a cabaza como botella de viño. Valeiraban as sementes e secaban a cortiza para empregala como botella e poder levala á leira.



Camelle…


Juan Manuel fixo o percorrido  por un sendeiro que une Camelle coa aldea de Matio, en Traba, xa no Concello de Laxe. Alí atopou un castiñeiro de uns 10 anos de idade.
Santa Mariña…
Segundo o que a avoa lle contou a Iago, as cabazas en Santa Mariña usábanse para adornar.
Manuel, María… Fálannos das aldeas de Carnés e Tufións, localizadas no Concello de Vimianzo que tamén forma parte da comarca de Terra de Soneira.

martes, 27 de enero de 2015

Magosto si, pero… De onde veñen as castañas?

Si, magosto!! Pero… E se pesquisamos ao noso redor para descubrir onde se atopan os non moi abundantes castiñeiros no noso concello?
Así celebramos o magosto na nosa escola…
Unha grande árbore construída de xeito colaborativo entre todas e todos. Nenos e nenas e todas as mestras emestres da escola…
Como?
Localizamos os castiñeiros que temos preto das nosas casas… Primeira pregunta? Hai moitos castiñeiros en Camariñas? Descubrimos que non temos grandes soutos pero si aparecen sempre algúns castiñeiros preto… Illados… Como se nunca tiveran moitos acompañantes ao seu redor que poderan chegar a constituír un grande souto…
Nós tratamos de poñelo en valor e no noso patio da escola loce un bonito castiñeiro feito con cortiza de castiñeiro, castañas, follas e pólas dos nosos devanceiros castiñeiros que descubrimos temos por veciños…






Pero non só iso…

Un grande mural coa historia do magosto, receitas con castañas, adiviñas e refráns, axudáronnos a comprender a importancia que este froito de outono ten en Galicia e o porque da celebración desta festa.
Ademais… Compartimos unhas coas outras. Os nenos ensinaron e explicaron os seus traballos ás súas compañeiras, de xeito que escoitamos as conclusións ás que chegamos despois de ter feito todo este traballo.



Parabéns a mestras e nenos por todo este traballo colectivo que axuda a comprender mellor o porque das nosas festas!

martes, 9 de diciembre de 2014

Samaín e cabazas na escola… Por que?


Cada ano as cabazas chegan á escola pola festa do Samaín máis… Este ano demos en pensar… Por que é tan fácil conseguir cabazas nas nosas aldeas e parroquias? Cale é a orixe deste froito de outono? Para que se emprega e empregaba en Camariñas a cabaza? Quen as planta?
Todas estas preguntas que nos comezamos a facer obtiveron algunhas respostas interesantes e nos permitiron ir decubrindo aldea a aldea, parroquia a parroquia, cousas interesantes ao respecto…
Como resultado…

O libro das cabazas atopadas en Xaviña, en Carnés, en Tufións…






 Permítenos facer un primeiro achegamento á nosa contorna máis próxima examinando cales son os lugares que habitan os nenos e nenas da escola…
Ademais disto…
Que diriades se as cabazas veñen caracterizadas de oficios e tradicións propias de Camariñas? Do que as nenas e nenos coñecen ou descubren coa axuda dos nosos maiores?
Aquí tedes a mostra dalgunha delas… Zoqueiros, peixeiras, palilleiras, gandeiras, labregos… Ata meigas!! 




Esta memoria viva, chegada á escola a través da decoración das cabazas fainos pensar en cal foi o pasado próximo da contorna… Que oficios se viñan desenvolvendo? Seguen a ser  traballos produtivos hoxe en día? Hai xente nas aldeas para poder desenvolvelos?
E nós… Gustaríanos ser zoqueiras, palilleiros, peixeiros ou mariñeiras?
Estas son algunhas das reflexións…



jueves, 4 de diciembre de 2014

Proxecto Terra!

A nosa escola, o CEIP Ponte do Porto, está situada no Concello de Camariñas na comarca da Soneira. Unha das catro que conforman a Costa da Morte. Este ano, por primeira vez, as mestras e mestres apostamos pola participación no Proxecto Terra, a través do cal trataremos de redescubrir o territorio e a súa cultura coa posta en valor de costumes, oficios, tradicións e xeitos de vida que marcaron e marcan o día a día das vidas de todas as persoas que conformamos a comunidade educativa.

E para que podades coñecer máis de preto o lugar onde vivimos… Unha bonita presentación…